Non o vía. Só podía escoitar os seus reiterados ensaios co clarinete, aquel continuo repetir de escalas, unha e outra vez. Os anos pasaban, e ela notaba como aquel clarinete falaba cada vez un pouco máis claro, e así foise afacendo manseliñamente á súa compaña puntual das seis da tarde.
Nunca o vira, mais cando se atrasaba o ensaio o seu estómago rebulía de nervios e comprendeu que non podía vivir sen escoitar unha e outra vez as pezas que o mozo perfeccionaba incansábel. Sabía o seu nome, porque sentía á súa nai chamándoo ao final da tarde: Artur!
E acabou por se decatar de que non lle interesaba ningún dos mozos do seu instituto e que devecía por coñecer ao tal Artur. Unha mañá de domingo, mentres paseaba cos pais pola Alameda, quedou parada diante da banda, sen poder despegar a súa ollada dos clarinetistas. Imaxinaba a cal deles lle acaería mellor o nome de Artur. Despois de moito pensalo, decidiu que aquel mozo de ollos verdes tiña que ser o que ela escoitaba cada tarde. Si, si, si, aquela peza... si, algunha vez lla escoitara, estaba segura, completamente segura.
Aquela semana andou a contorna da súa casa para ver se topaba co clarinetista da Alameda. Mais non deu resultado. Entón deu en asexar en portas e buzóns para ver se atopaba o seu nome nalgures, e nada. Tentouno unha e outra vez, parou en todos os concertos, asexou a todos os clarinetistas, ía detrás da banda ao remataren e escoitaba con atención. Nunca lle coincidiu atoparse con Artur ningún.
Así que un bo día decidiu matricularse na Escola de música no seu barrio e comezou tomar clases de clarinete. Era tal a súa ansia que en pouco tempo aprendeu a desenvolverse co instrumento e unha tarde, cando Artur rematou o seu ensaio, ela comezou tocar unha das súas pezas favoritas na ventá, con ela aberta de par en par, para que o son chegase alto e claro até o mozo.
Durante días seguiu tocando na ventá. Unha tarde, Artur rematou o seu ensaio antes do habitual. Ela iniciou entón a súa peza e, cando levaba varios compases, outro clarinete se sumou ás súas notas e así, sen se veren, sen se coñeceren, sen nada saber o un do outro, tocaron horas e horas, até que unha lúa redonda e alta inundou o ceo.
Por iso está na banda hoxe, porque se namorou dun clarinetista que ensaiaba ás seis da tarde no inverno, un mozo que lle correspondeu e acompañou os compases dos seus ensaios. Nunca soubo se tiña os ollos verdes ou non, mais xa nin importa, porque o amor quedou moi dentro dela, e sáelle polas mans veloz, pulsando con agarimo e destreza as notas do seu clarinete.
A Esola de Música Municipal reinicia as clases o próximo xoves, 15 de outubro, tal e como informan distintos medios. Podedes consultar a noticia no xornal El Progreso de onte (páx. 14) e no Crónica3 de hoxe.
Tal como informábamos onte, había a posibilidade de que a banda continuase cos ensaios que estaban programados para o presente curso 2009-2010, durante o tempo que permaneza pechada a ESMU.
Hoxe podo confirmarvos que así será. Non vos esquezades de que o próximo sábado temos ensaio ás 11:00 horas, polo que debedes ir chegando á Escola a partir das 10:30 para ir montando os instrumentos e facer o quentamento.
Ata entón!
(Ide mirando na casa os papeis que se repartiron o outro día)
Como sabedes, as clases da Escola de Música serán suspendidas temporalmente a partir do próximo 1 de outubro por motivos administrativos. Tanto o xornal dixital Crónica3, como a edición dixital da Cope, informan hoxe desta medida.
Sexa como for, a Banda tentará continuar cos ensaios que tiña progamados para o presente curso 2009-2010. Seredes informad@s.
A Banda de Burela estará mais un ano na celebración en Burela do Día Europeo sen coches, o próximo sábado, día 19 de setembro. Con este motivo faremos un pasarrúas por Rosalía de Castro e Pardo Bazán a partir das 19:00 horas e un concerto na Praza do Concello ás 20:00 horas. Antes disto poderemos disfrutar coa música da Burela Blues Band que fará un ensaio público ás 16:00 horas na mesma Praza do Concello.
Depois do intenso Seminario de Jazz e Música Moderna que tivo lugar na Escola de Música de Burela do 13 ao 17 de xullo e tras un pequeno parón na actividade do blogue debido a unhas merecidas vacacións, voltamos á nosa actividade. Onte, Domingo 9 de agosto, tocamos en Figueiras, no concello de Castropol, nas festas da vila, onde fixemos unha procesión e un concerto. O próximo fin de semana estaremos tocando de novo: o sábado 15 en Ourol e o domingo 16 na Veiga, mais unha vez na marabillosa ría de Ribadeo. Cando teñamos algunha foto irémola subindo.
Por agora, e cumprindo co prometido, subimos algunha foto e un vídeo da procesión das festas de Burela. Fotos de Carlos Andrade e vídeo e Tomás L. Retorta, aos dous un millón de grazas.
Xa está aberto o prazo de matrícula no II Seminario de Jazz e Música Moderna, organizado pola ESMU Municipal de Burela e o Concello de Burela, coa colaboración especial de Estudio Escola de Música.
O Seminario decorrerá entre o 13 e o 17 de xullo e contará cos seguintes profesores:
Leo Giannetto (voz e guitarra)
José Nine (saxo e frauta)
Javier Constenla (piano)
Quique Alvarado (baixo)
Miguel Cabana (batería)
Podedes ver información sobre horarios, contidos do curso e profesorado no cuadríptico do Seminario: I e II, ou ben consultar o blogue do Seminario.
O pasado sábado, 30 de maio, a Banda de Burela actuou no marco das Festas populares da nosa vila. Antes de comezar un pasarrúas, tivemos a honra de recibir, na Casa do Concello a equipa de fútbol sala feminina de Burela, recén ascendida à Primeira División e fixémolo da mellor forma que sabemos: facendo soar os nosos instrumentos.
A continuación tivo lugar un pasarrúas por Rosalía de Castro e Pardo Bazán, que serviu de preludio ao concerto que demos ás 12:30 na Praza do Concello, onde estivemos acompañados por amig@s, familiares e outr@s espectadores e espectadoras que se achegaron a ouvir a nosa música. Moitas a grazas a todas e todos pola vosa a asistencia e polo voso apoio, sen vós, o noso proxecto non tería sentido. Esperamos vervos o próximo ano no tradicional concerto das festas e noutras actuacións da banda.
Todas as fotos de Carlos Andrade. En breve, crónica da procesión das Festas.
O pasado venres, 15 de maio, un grupo de rapaces e repazas da Banda de Música inauguraba a Festa da Marosa na súa 12+1 edición, e facíao estreando a Marcha da Marosa, peza composta polo gaiteiro Edelmiro Fernández, con quen tivemos o pracer de tocar esta peza, dedicada a Mariña, filla do burelao Manolo Maseda, un dos principais promotores desta festa, acordeonista e voz en Serra-lhe aí e nos desaparecidos Diplomáticos e antigo músico da Banda de Burela.
Queremos agradecer á organización o teren contado coa nosa formación para inaugurar esta festa, que xa é un referente na vida cultural e festeira da nosa vila e parabenizar, como non, aos rapaces e rapazas que fixeron un grande esforzo para montar esta peza con tan pouco tempo de preparación.
As fotos, como sempre, do noso amigo Carlos Andrade. Carlos, obrigad@s.
A Banda de Música Municipal de Burela terá proximamente dúas actuacións dentro da programación cultural das Festas populares de Burela. A primeira delas, será o sábado, 30 de maio, e consistirá nun pequeno pasarrúas polo centro de Burela às 11 de mañá e nun concerto que terá lugar na praza do Concello, ás 12:30 horas. A segunda actuación será o seguinte fin de semana, concretamente o sábado, 6 de xuño, día no que a Banda participará na procesión da Virxe do Carme, que decorrerá a continuación da misa que se celebra ese mesmo día ás 21:00 horas, na igrexa parroquial.
Quedan tres ensaios antes do 30 de maio, que serán da seguinte maneira:
Sábados: 10:30-13:30, ensaios xerais.
Poderá programarse algún ensaio seccional ou por cordas a maiores algún mércores despois da clase de Cámara, de 21:00 a 22:00 horas, do que seredes avisad@s coa suficiente antelación.
O repertorio que se intrepretará será o que segue:
Con motivo de a Banda de Burela participar na Banda do Norte, temos que modificar algúns dos ensaios que habitualmente temos os sábados en Burela, para que non coincidan cos da outra formación.
O sábado, 18 de abril e o sábado, 2 de Maio non haberá ensaio da Banda de Burela, por termos encontro coa Banda do Norte.
O calendario de ensaios para as próximas semanas queda da seguinte maneira:
· 1 de abril, mércores: 20:00-21:00_bombardinos
· 4 de abril, sábado:
§ 10:00-11:00_clarinetes
§ 11:00-12:00_saxofóns
§ 12:00-13:30_ensaio xeral
· 6, 7 e 8 de abril, (luns, martes e mércores): estarei na Escola de 11:00 a 13:00, para aqueles e aquelas que queirades ver os papeis comigo.
· 15 de abril, mércores: 20:00-21:00_trompetas
· 18 de abril, sábado: NON HAI ENSAIO
· 24 de abril, venres: 20:00-22:00_ensaio xeral
· 25 de abril, sábado:
§ 10:00-11:00_saxofóns
§ 11:00-12:00_clarinetes
§ 12:00-13:00_saxofóns
· 2 de Maio, sábado: NON HAI ENSAIO
A partir do sábado, 9 de maio, os ensaios serán como sempre, os sábados de 11:00 a 13:30, mentres non se indique o contrario.