A Charanga "@s Verças-tolas", formada por rapaces e rapazas da Banda de Música de Burela participou nos Entroidos de Foz e Burela.
A Charanga da Banda, bautizada como "@s Verças-tolas", comezaba a súa pequena "xira" do Entroido o pasado venres nos institutos e colexios de Burela, onde foron recibidos con grande entusiasmo, especialmente polos máis cativos e cativas. @s Verças-tolas tamén estiveron na festa de Entroido da Escola Infantil de Burela, onde pecharon as actividades que desenvolveron as crianzas durante a mañá.
Por outra banda, a charanga participou no desfile de Entroido de Foz, o pasado sábado, acadando o segundo premio na modalidade pola que concursaba. Tamén estivo no desfile de Burela, o martes de Entroido, onde participou fóra de concurso e a modo de colaboración coa comisión organizadora. Esta actuación ven sumarse a outras que a Banda realiza en Burela ao longo do ano e que tentaremos consolidar en anos posteriores.
Para a maioría dos rapaces e rapazas, esta era a primeira vez que participaban nunha charanga, aínda que despois desta experiencia admiten que repetirán o próximo ano. Tocar nunha agrupación deste tipo supón dar un enfoque á música moi diferente ao que é habitual na Banda, pois é un cambio radical en canto a repertorio, os estilos e o xeito de interpretar as pezas. Desde un punto de vista pedagóxico acádanse resultados moi satisfactorios, pois os rapaces adquiren habilidades en canto ao traballo da memoria, o oído musical e a intuición. Por outra banda, tamén resulta unha actividade enormemente estimulante e motivadora, dado o seu carácter lúdico.