terça-feira, 26 de Janeiro de 2010

A Banda no Concerto Benéfico por Haití



A Banda de Música de Burela participará no Concerto Benéfico que terá lugar o próximo sábado, 30 de xaneiro, ás 20:30 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Burela. No acto estarán presentes distintas agrupacións da vila, como a Coral Polifónica, Ledicia, Batuko Tabanka, Dambara, a Burela Blues Band e a Banda de Música.

O diñeiro recaudado destinarase integramente para a axuda humanitaria ao pobo haitiano.

Non faltedes á cita, paga a pena!

quinta-feira, 7 de Janeiro de 2010

Concerto da Banda



A Banda de Música de Burela dará o seu tradicional concerto de Ano Novo-Reis o próximo venres, 8 de xaneiro, ás 20:30 horas no auditorio da Casa da Cultura de Burela.

Serán interpretadas obras orixinais para banda, tanto obras de concerto como pasodobres e xotas do repertorio galego. Tamén soará un arranxo de pezas tradicionais vascas na versión do grupo de folk Oskorri.

Estades tod@s convidados!

Para @s que queiran ir ensaiando a letra:

Furra furra fandangoa,
hortxe duzu fandangoa
geure gustukoa.

Furra furra fandango,
este é o fandango
do que gostamos.


domingo, 20 de Dezembro de 2009

Ensaios de Nadal





Este é o calendario de ensaios para o Nadal. Aproveitamos que tedes mais tempo e que a xente que estudades fóra estades por Burela.

Os ensaios serán da forma que segue:


Decembro:
  • Luns 28: Seccional trompetas, bombardinos e percusión (10:30-13:30) /Ensaio xeral (19:00-21:00)
  • Martes 29: Seccional v. madeira (10:30-13:30)/Ensaio xeral (19:00-21:00)
  • Mércores 30: Seccional metal-madeira (10:30-13:30)/E. xeral (19:00-21:00)
  • Xoves 31: Ensaio xeral (10:30-13:30)
Xanerio:
  • Luns 4: Ensaio xeral (10:30-13:30)
  • Martes 5: Ensaio xeral (10:30-13:30)
  • Mércores 6: Ensaio xeral (10:30-13:30)
  • Xoves 7: Ensaio xeral (10:30-13:30)
  • Venres 8: Colocación e proba de son (18:00-19:30)/Concerto (20:30)

terça-feira, 24 de Novembro de 2009

Por amor

A continuación podedes ler o fermoso relato de Marta Dacosta que aparecía hai uns días na páxina web da Federación Galega de Bandas.

Por Amor

Non o vía. Só podía escoitar os seus reiterados ensaios co clarinete, aquel continuo repetir de escalas, unha e outra vez. Os anos pasaban, e ela notaba como aquel clarinete falaba cada vez un pouco máis claro, e así foise afacendo manseliñamente á súa compaña puntual das seis da tarde.

Nunca o vira, mais cando se atrasaba o ensaio o seu estómago rebulía de nervios e comprendeu que non podía vivir sen escoitar unha e outra vez as pezas que o mozo perfeccionaba incansábel. Sabía o seu nome, porque sentía á súa nai chamándoo ao final da tarde: Artur!

E acabou por se decatar de que non lle interesaba ningún dos mozos do seu instituto e que devecía por coñecer ao tal Artur. Unha mañá de domingo, mentres paseaba cos pais pola Alameda, quedou parada diante da banda, sen poder despegar a súa ollada dos clarinetistas. Imaxinaba a cal deles lle acaería mellor o nome de Artur. Despois de moito pensalo, decidiu que aquel mozo de ollos verdes tiña que ser o que ela escoitaba cada tarde. Si, si, si, aquela peza... si, algunha vez lla escoitara, estaba segura, completamente segura.

Aquela semana andou a contorna da súa casa para ver se topaba co clarinetista da Alameda. Mais non deu resultado. Entón deu en asexar en portas e buzóns para ver se atopaba o seu nome nalgures, e nada. Tentouno unha e outra vez, parou en todos os concertos, asexou a todos os clarinetistas, ía detrás da banda ao remataren e escoitaba con atención. Nunca lle coincidiu atoparse con Artur ningún.

Así que un bo día decidiu matricularse na Escola de música no seu barrio e comezou tomar clases de clarinete. Era tal a súa ansia que en pouco tempo aprendeu a desenvolverse co instrumento e unha tarde, cando Artur rematou o seu ensaio, ela comezou tocar unha das súas pezas favoritas na ventá, con ela aberta de par en par, para que o son chegase alto e claro até o mozo.

Durante días seguiu tocando na ventá. Unha tarde, Artur rematou o seu ensaio antes do habitual. Ela iniciou entón a súa peza e, cando levaba varios compases, outro clarinete se sumou ás súas notas e así, sen se veren, sen se coñeceren, sen nada saber o un do outro, tocaron horas e horas, até que unha lúa redonda e alta inundou o ceo.

Por iso está na banda hoxe, porque se namorou dun clarinetista que ensaiaba ás seis da tarde no inverno, un mozo que lle correspondeu e acompañou os compases dos seus ensaios. Nunca soubo se tiña os ollos verdes ou non, mais xa nin importa, porque o amor quedou moi dentro dela, e sáelle polas mans veloz, pulsando con agarimo e destreza as notas do seu clarinete.

Marta Dacosta
Marzo de 2009.

quarta-feira, 14 de Outubro de 2009

A Escola de Música reinicia as clases o xoves 15



A Esola de Música Municipal reinicia as clases o próximo xoves, 15 de outubro, tal e como informan distintos medios. Podedes consultar a noticia no xornal El Progreso de onte (páx. 14) e no Crónica3 de hoxe.

Para máis información podedes contactar con nós.

Ata pronto.

quarta-feira, 30 de Setembro de 2009

Continúan os ensaios da Banda



Tal como informábamos onte, había a posibilidade de que a banda continuase cos ensaios que estaban programados para o presente curso 2009-2010, durante o tempo que permaneza pechada a ESMU.

Hoxe podo confirmarvos que así será. Non vos esquezades de que o próximo sábado temos ensaio ás 11:00 horas, polo que debedes ir chegando á Escola a partir das 10:30 para ir montando os instrumentos e facer o quentamento.

Ata entón!

(Ide mirando na casa os papeis que se repartiron o outro día)

terça-feira, 29 de Setembro de 2009

A ESMU estará pechada a partir do 1 de outubro



Como sabedes, as clases da Escola de Música serán suspendidas temporalmente a partir do próximo 1 de outubro por motivos administrativos. Tanto o xornal dixital Crónica3, como a edición dixital da Cope, informan hoxe desta medida.

Sexa como for, a Banda tentará continuar cos ensaios que tiña progamados para o presente curso 2009-2010. Seredes informad@s.