terça-feira, 24 de novembro de 2009

Por amor

A continuación podedes ler o fermoso relato de Marta Dacosta que aparecía hai uns días na páxina web da Federación Galega de Bandas.

Por Amor

Non o vía. Só podía escoitar os seus reiterados ensaios co clarinete, aquel continuo repetir de escalas, unha e outra vez. Os anos pasaban, e ela notaba como aquel clarinete falaba cada vez un pouco máis claro, e así foise afacendo manseliñamente á súa compaña puntual das seis da tarde.

Nunca o vira, mais cando se atrasaba o ensaio o seu estómago rebulía de nervios e comprendeu que non podía vivir sen escoitar unha e outra vez as pezas que o mozo perfeccionaba incansábel. Sabía o seu nome, porque sentía á súa nai chamándoo ao final da tarde: Artur!

E acabou por se decatar de que non lle interesaba ningún dos mozos do seu instituto e que devecía por coñecer ao tal Artur. Unha mañá de domingo, mentres paseaba cos pais pola Alameda, quedou parada diante da banda, sen poder despegar a súa ollada dos clarinetistas. Imaxinaba a cal deles lle acaería mellor o nome de Artur. Despois de moito pensalo, decidiu que aquel mozo de ollos verdes tiña que ser o que ela escoitaba cada tarde. Si, si, si, aquela peza... si, algunha vez lla escoitara, estaba segura, completamente segura.

Aquela semana andou a contorna da súa casa para ver se topaba co clarinetista da Alameda. Mais non deu resultado. Entón deu en asexar en portas e buzóns para ver se atopaba o seu nome nalgures, e nada. Tentouno unha e outra vez, parou en todos os concertos, asexou a todos os clarinetistas, ía detrás da banda ao remataren e escoitaba con atención. Nunca lle coincidiu atoparse con Artur ningún.

Así que un bo día decidiu matricularse na Escola de música no seu barrio e comezou tomar clases de clarinete. Era tal a súa ansia que en pouco tempo aprendeu a desenvolverse co instrumento e unha tarde, cando Artur rematou o seu ensaio, ela comezou tocar unha das súas pezas favoritas na ventá, con ela aberta de par en par, para que o son chegase alto e claro até o mozo.

Durante días seguiu tocando na ventá. Unha tarde, Artur rematou o seu ensaio antes do habitual. Ela iniciou entón a súa peza e, cando levaba varios compases, outro clarinete se sumou ás súas notas e así, sen se veren, sen se coñeceren, sen nada saber o un do outro, tocaron horas e horas, até que unha lúa redonda e alta inundou o ceo.

Por iso está na banda hoxe, porque se namorou dun clarinetista que ensaiaba ás seis da tarde no inverno, un mozo que lle correspondeu e acompañou os compases dos seus ensaios. Nunca soubo se tiña os ollos verdes ou non, mais xa nin importa, porque o amor quedou moi dentro dela, e sáelle polas mans veloz, pulsando con agarimo e destreza as notas do seu clarinete.

Marta Dacosta
Marzo de 2009.