quarta-feira, 1 de junho de 2011

Festas de Burela 2011


As bandas de música de Guitiriz e Burela daremos un concerto conxunto o próximo sábado, 4 de xuño, ás 18:00 horas na praza do concello. Este concerto enmárcase dentro da programación das Festas Patronais de Burela para este ano, e nel interpretaranse pezas de concerto, pasodobres, muiñeiras, unha selección de boleros, así como unha selección de temas do grupo de pop Abba. Salientar que tamén será interpretado o pasodobre Burela, composto por Israel Arranz e que foi estreado o pasado 13 de maio pola banda de Burela, polo que esta será unha boa oportunidade para que as persoas que non puideron asistir á súa estrea, podan escoitar o pasodobre Burela neste concerto das festas.

Ao finalizar a misa das 21:00 horas, ambas as bandas tamén participarán na procesión que acompañará a Virxe do Carme desde a igrexa parroquial ata o porto de Burela, súmandose deste xeito a outras agrupacións musicais que tradicionalmente participan nesta procesión, como é o caso do grupo de gaitas de Ledicia, a Coral Polifónica de Burela e a banda de cornetas Sto. Inocencio de Teixeira.

As bandas de Guitiriz e Burela xa teñen colaborado noutras ocasións, no marco da Unión Musical de Bandas do Norte, proxecto no que tamén participan outras bandas como Guntín, Cedeira ou Ortigueira e que busca dinamizar a cultura musical no norte galego e fomentar o intercambio entre os músicos e os directores das distintas bandas.