terça-feira, 23 de agosto de 2011

Estamos de campamento!



Onte daba comezo no camping da Devesa, o campamento musical "Ao son da banda" organizado pola Asociación de Amigas e Amigos da Banda de Burela e que se prolongará ata o próximo sábado. Neste campamento musical participan nenos e nenas das bandas de música de Burela e Guitiriz e ten unha finalidade lúdica e didáctica. Por unha parte trátase dun curso intensivo de música no que se traballa repertorio de banda principalmente, así como distintos aspectos relacionados con esta formación, e por outra parte é un campamento con carácter lúdico e de lecer, no que os rapaces e rapazas poden realizar distintas actividades programadas polos monitores.

Na tarde do luns houbo un obradoiro de música pop, impartido polo músico de Burela Manolo Maseda, membro de grupos como Os Diplomáticos ou Serra-lhe aí. Maseda é profesor de música no Bacharelato de Artes e fixo unha interesante achega á música pop desde un punto de vista práctico, facendo partícipes aos nenos e nenas da elaboración de estruturas harmónica simples partindo dalgunhas das pezas máis coñecidas da música pop.

No curso imparten clase tres profesores que se encargan das distintas seccións instrumentais. Roberto Bouça: vento madeira; Abel Riveira: vento metal e Israel Arranz: percusión.

O sábado 27 finalizará este campamento con un concerto que terá lugar no propio camping da Devesa ás 12:00 horas.




quarta-feira, 17 de agosto de 2011

Campamento musical "Ao son da banda". A Devesa, do 22 ao 27 de Agosto

A próxima semana terá lugar o campamento musical da Banda de Música de Burela no camping da Devesa. Iremos en coches particulares e saíremos todos e todas da Escola de Música ás 10:30 horas. A duración do campamento será desde o luns 22 ao sábado 27 e realizaremos ensaios de banda polas mañás e actividades lúdicas polas tardes. Podedes consultar o horario en PDF.

Estes venres, día 19 faremos unha reunión informativa na Escola de Música ás 12:00 horas para concretar detalles e aclarar dúbidas, aínda que xa vos adiantamos o material que ides precisar:

MATERIAL PERSOAL:
  • Roupa cómoda (chandal, pantalóns de deporte, camisetas, sudadeira, tenis, gorra, mudas, pixama)
  • Saco de durmir
  • Baño: bañador, toalla de praia e protección solar.
  • Aseo: cepillo dentes, pasta dentífrica, xel baño, champú, toalla, chanclas
MATERIAL DE TRABALLO:
  • Instrumento
  • Papel pautado
  • Lápis e goma
DOCUMENTACIÓN:
  • Documento Identidade
  • Tarxeta sanitaria