quinta-feira, 14 de fevereiro de 2013

A charanga da Banda de Burela no Entroido


A Charanga "@s Verças-tolas", formada por rapaces e rapazas da Banda de Música de Burela participou nos Entroidos de Foz e Burela.

A Charanga da Banda, bautizada como "@s Verças-tolas", comezaba a súa pequena "xira" do Entroido o pasado venres nos institutos e colexios de Burela, onde foron recibidos con grande entusiasmo, especialmente polos máis cativos e cativas. @s Verças-tolas tamén estiveron na festa de Entroido da Escola Infantil de Burela, onde pecharon as actividades que desenvolveron as crianzas durante a mañá.

Por outra banda, a charanga participou no desfile de Entroido de Foz, o pasado sábado, acadando o segundo premio na modalidade pola que concursaba. Tamén estivo no desfile de Burela, o martes de Entroido, onde participou fóra de concurso e a modo de colaboración coa comisión organizadora. Esta actuación ven sumarse a outras que a Banda realiza en Burela ao longo do ano e que tentaremos consolidar en anos posteriores.

 
O traxe escollido pola charanga para este ano estivo inspirado na indumentaria característica dos países celtas, cuxo elemento máis representativo é o kilt (saia a cadros con pregues na parte traseira), popularmente coñecido como saia escocesa. Esta escolla veu motivada pola participación da Banda de Burela, xuntamente coa Banda de Gaitas Dambara no Festival Intercéltico de Lorient, na Bretaña, o pasado verán.

Para a maioría dos rapaces e rapazas, esta era a primeira vez que participaban nunha charanga, aínda que despois desta experiencia admiten que repetirán o próximo ano. Tocar nunha agrupación deste tipo supón dar un enfoque á música moi diferente ao que é habitual na Banda, pois é un cambio radical en canto a repertorio, os estilos e o xeito de interpretar as pezas. Desde un punto de vista pedagóxico acádanse resultados moi satisfactorios, pois os rapaces adquiren habilidades en canto ao traballo da memoria, o oído musical e a intuición. Por outra banda, tamén resulta unha actividade enormemente estimulante e motivadora, dado o seu carácter lúdico.