sexta-feira, 23 de dezembro de 2011

Ensaios para o concerto de Reis

Voltamos publicar o calendario de ensaios para o Concerto de Reis. Como podedes ver faremos dous ensaios a maiores dos que estaban marcados. Ademais, está previsto que participemos na cabalgata de Reis en Burela, o xoves día 5 de xaneiro. Lembrarvos tamén que o ensaio do día 7 será no auditorio. Como sabades tamén podedes consultar os días de ensaio no calendario google da Banda que tedes nun post anterior, neste mesmo blogue.


quinta-feira, 1 de dezembro de 2011

Jazz Suite Nº2. Valse 2


O Segundo Valse da Suite de Jazz Nº2 de Dimitri Shostakovitch, será outra das pezas que prepararemos para o concerto de Reis que terá lugar o sábado 7 de xaneiro. Déixovos un vídeo desta coñecida peza, que o compositor ruso compuxo despois de 1956 e que forma parte dunha obra en 8 movementos chamada Suite for Variety Orchestra e que durante moito tempo foi confundida coa Suite de Jazz Nº 2 do mesmo compositor. Entre outras cousas, esta composición destaca pola súa instrumentación, que inclúe entre outros instrumentos 2 saxos altos, 2 tenores, vibráfono, guitarra, harpa, celesta, 2 pianos, acordeón, etc.

Nós tocaremos un arranxo deste Segundo Valse para banda do compositor belga André Waignein.

Lémbrovos que este sábado o ensaio será da maneira que segue:
  • 10:45-12:00 horas. Seccional trompetas
  • 12:15-14:00 horas. Ensaio xeral
Ensaiaremos Nun mercado Persa e Miña terra Galega, e entregaranse as partituras do Valse de Shostakovitch.


sexta-feira, 25 de novembro de 2011

Nun Mercado Persa

Tal como se indicou no calendario de ensaios publicado a pasada semana, este sábado faremos ensaios parciais do seguinte xeito:
  • Clarinetes: 10:45-12:00 horas
  • Saxofóns: 12:15-13:30 horas
Mentres tanto, déixovos un pouco de música para ir amenizando o estudo do repertorio. Trátase da peza Nun Mercado Persa, de Albert W. Ketèlbey. Paga a pena escoitala e visualizar a partitura.




terça-feira, 23 de agosto de 2011

Estamos de campamento!



Onte daba comezo no camping da Devesa, o campamento musical "Ao son da banda" organizado pola Asociación de Amigas e Amigos da Banda de Burela e que se prolongará ata o próximo sábado. Neste campamento musical participan nenos e nenas das bandas de música de Burela e Guitiriz e ten unha finalidade lúdica e didáctica. Por unha parte trátase dun curso intensivo de música no que se traballa repertorio de banda principalmente, así como distintos aspectos relacionados con esta formación, e por outra parte é un campamento con carácter lúdico e de lecer, no que os rapaces e rapazas poden realizar distintas actividades programadas polos monitores.

Na tarde do luns houbo un obradoiro de música pop, impartido polo músico de Burela Manolo Maseda, membro de grupos como Os Diplomáticos ou Serra-lhe aí. Maseda é profesor de música no Bacharelato de Artes e fixo unha interesante achega á música pop desde un punto de vista práctico, facendo partícipes aos nenos e nenas da elaboración de estruturas harmónica simples partindo dalgunhas das pezas máis coñecidas da música pop.

No curso imparten clase tres profesores que se encargan das distintas seccións instrumentais. Roberto Bouça: vento madeira; Abel Riveira: vento metal e Israel Arranz: percusión.

O sábado 27 finalizará este campamento con un concerto que terá lugar no propio camping da Devesa ás 12:00 horas.




quarta-feira, 17 de agosto de 2011

Campamento musical "Ao son da banda". A Devesa, do 22 ao 27 de Agosto

A próxima semana terá lugar o campamento musical da Banda de Música de Burela no camping da Devesa. Iremos en coches particulares e saíremos todos e todas da Escola de Música ás 10:30 horas. A duración do campamento será desde o luns 22 ao sábado 27 e realizaremos ensaios de banda polas mañás e actividades lúdicas polas tardes. Podedes consultar o horario en PDF.

Estes venres, día 19 faremos unha reunión informativa na Escola de Música ás 12:00 horas para concretar detalles e aclarar dúbidas, aínda que xa vos adiantamos o material que ides precisar:

MATERIAL PERSOAL:
  • Roupa cómoda (chandal, pantalóns de deporte, camisetas, sudadeira, tenis, gorra, mudas, pixama)
  • Saco de durmir
  • Baño: bañador, toalla de praia e protección solar.
  • Aseo: cepillo dentes, pasta dentífrica, xel baño, champú, toalla, chanclas
MATERIAL DE TRABALLO:
  • Instrumento
  • Papel pautado
  • Lápis e goma
DOCUMENTACIÓN:
  • Documento Identidade
  • Tarxeta sanitaria


sábado, 9 de julho de 2011

Calendario de verán




Este é o calendario de ensaios da banda para os meses de xullo e agosto. Como vedes, colleremos vacacións na primeira quincena de agosto. A terceira semana de agosto terá lugar o campamento musical "Ao son da banda" no camping da Devesa. Daremos máis información sobre este curso.

quarta-feira, 1 de junho de 2011

Festas de Burela 2011


As bandas de música de Guitiriz e Burela daremos un concerto conxunto o próximo sábado, 4 de xuño, ás 18:00 horas na praza do concello. Este concerto enmárcase dentro da programación das Festas Patronais de Burela para este ano, e nel interpretaranse pezas de concerto, pasodobres, muiñeiras, unha selección de boleros, así como unha selección de temas do grupo de pop Abba. Salientar que tamén será interpretado o pasodobre Burela, composto por Israel Arranz e que foi estreado o pasado 13 de maio pola banda de Burela, polo que esta será unha boa oportunidade para que as persoas que non puideron asistir á súa estrea, podan escoitar o pasodobre Burela neste concerto das festas.

Ao finalizar a misa das 21:00 horas, ambas as bandas tamén participarán na procesión que acompañará a Virxe do Carme desde a igrexa parroquial ata o porto de Burela, súmandose deste xeito a outras agrupacións musicais que tradicionalmente participan nesta procesión, como é o caso do grupo de gaitas de Ledicia, a Coral Polifónica de Burela e a banda de cornetas Sto. Inocencio de Teixeira.

As bandas de Guitiriz e Burela xa teñen colaborado noutras ocasións, no marco da Unión Musical de Bandas do Norte, proxecto no que tamén participan outras bandas como Guntín, Cedeira ou Ortigueira e que busca dinamizar a cultura musical no norte galego e fomentar o intercambio entre os músicos e os directores das distintas bandas.

domingo, 8 de maio de 2011

Concerto de homenaxe a J. Antonio Chao e estrea do pasodobre Burela na súa memoria.


A Banda de Música de Burela dará un concerto o próximo venres, 13 de maio, ás 21:30 horas no auditorio da casa da cultura de Burela.

Este concerto foi preparado con moito cariño e dedicación e será moi especial para a banda, pois estará dedicado a José Antonio Chao Basanta, compañeiro que nos deixaba para sempre o pasado ano. Esta será a nosa sentida homenaxe a un home exemplar, tanto polo humano da súa persoa como pola paixón e a responsabilidade coa que vivía a música e a banda.


Neste concerto, ademais, estrearemos o pasodobre que leva por título Burela, composto por Israel Arranz Carreño, percusionista e subdirector da Banda de Música de Burela. O pasodobre Burela está dedicado aos veciños e veciñas de Burela e composto na memoria de José Antonio Chao.

O programa do concerto completarase con obras do repertorio galego para banda, ao estar inserido nas actividades que se celebrarán estes días con motivo das letras galegas.

A Asociación de Amigas e Amigos da Banda de Burela e o director da banda, Roberto Bouça, queren convidar a todos os veciños e veciñas de Burela a este concerto tan especial.

quarta-feira, 27 de abril de 2011

Presentación da revista O Trasno


O próximo sábado, 30 de abril, a Banda de Música de Burela participará, xunto coa Coral Polifónica de Burela, na de presentación da revista O Trasno, organizado polo Colectivo Cultural Buril. O acto terá lugar ás 20:00 horas da tarde no auditorio da casa da cultura de Burela.

O ensaio para a preparación do concerto será o sábado pola mañá no auditorio, de 11:00 a 14:00 horas.

quinta-feira, 31 de março de 2011

Próximo ensaio: sábado de 16:30 a 18:30 h.

O próximo sábado, 2 de abril, faremos o ensaio da banda pola tarde, de 16:30 a 18:30 horas. Nas vindeiras semanas voltaremos ao noso horario habitual, sábados de 10:30 a 13:30 h. e faremos tamén algún ensaio por seccións para a preparación do próximo concerto da banda, que terá lugar o 13 de maio, na casa da cultura de Burela.

Déixovos as fotos da viaxe que nos tirou o noso fotógrafo oficial C. Andrade. Podedes velas todas no álbum web Picasa da Banda de Música de Burela.



Para aqueles e aquelas que non viaxaron a Compostela o pasado 20 de febreiro para asistir ao concerto da Banda Municipal de Santiago, déixovos un vídeo dunha das pezas que interpretaron: Into the Joy of the Spring, de James Swearingen:




domingo, 13 de fevereiro de 2011

Amigas e Amigos da Banda de Burela organiza viaxe a Compostela


A Asociación de Amigas e Amigos da Banda de Burela organiza para o próximo domingo, 20 de febreiro, unha viaxe didáctica a Santiago de Compostela para asistir ao concerto da Banda de Música Municipal de Santiago, que terá lugar ás 12:00 horas no Teatro Principal desta cidade.

O programa de concerto leva por título Solistas da Municipal e consta das seguintes obras:
  • Marcha Florentina. I. Fucik
  • As vodas de Fígaro. W.A. Mozart
  • Concerto para trompeta. A. Arutunian (solista: J. Lois Diéguez)
  • Othello. A. Reed
  • Into the joy of spring. J. Swearingen
Aqueles e aquelas que desexen asistir ao concerto deberán avisar á directiva da asociación ou ben ao director da banda antes do xoves, día 17. As nais e pais que queiran vir, poden acompañarnos ata completar as prazas do autobús. A hora de saída, será ás 9:00 h. da Escola de Música. Comeremos en Compostela e faremos unha visita pola cidade durante a tarde. A hora de chegada a Burela será entre as 20:00 e as 21:00 horas aproximadamente.

terça-feira, 4 de janeiro de 2011

Concerto de Ano Novo


A Banda, durante o concerto de Ano Novo do pasado ano. Carlos Andrade

O próximo venres, 7 de xaneiro, ás 20:30 horas, no auditorio da Casa da Cultura, a Banda de Música de Burela dará o seu tradicional concerto de Ano Novo, no que se interpretarán pezas de concerto do repertorio para banda, pasodobres galegos, así como arranxos de temas modernos para banda. A entrada será de balde.

Desde a Banda de Burela queremos convidar á veciñanza de Burela a este concerto tan especial para nós, para o que dedicamos moito tempo e esforzo, e que é a nosa tradicional forma de dar a entrada ao ano novo.


Concerto na Residencia dos Maiores. Carlos Andrade

O pasado xoves, 30 de decembro, a Banda de Música de Burela tamén ofreceu un concerto, desta volta na Residencia dos Maiores de Burela. No concerto interpretaronse distintos pasodobres do repertorio tradicional, así como unha selección de boleros.

A Banda de Música de Burela deséxalles un moi feliz 2011!