quarta-feira, 29 de maio de 2013

50 aniversario do CEIP Virxe do Carme en imaxes

Fotografías do acto conmemorativo polo 50 aniversario do CEIP Virxe do Carme, popularmente coñecido como "Colexio dos Castros", que tivo lugar o pasado día 10 de maio. Todas as fotografías son de Carlos Andrade.


sábado, 11 de maio de 2013

A Banda de Burela no 50 aniversario do CEIP Virxe do Carme



A Banda de Burela actuou no acto que tivo lugar este venres no Auditorio Municipal con motivo do 50 Aniversario do CEIP Virxe do Carme, popularmente coñecido como Os Castros. Profesores e profesoras representaron unha obra teatral ambientada nun colexio dos anos 70, na que tamén participou o propio director do centro e que foi moi aplaudida polo público asistente. 


O acto tamén contou cun apartado musical a cargo da agrupación de música clásica Arranz Trío e do cuarteto de jazz Marosa Jazz Project. A Banda de Burela foi a encargada de pór o broche final coa interpretación de pezas do seu repertorio e do Hino ao CEIP Virxe do Carme, composto polo mestre de música do colexio, Jesús Arranz. Aínda que a peza xa fora estreada en 2009 no propio centro para celebrar o día das Letras Galegas, nesta ocasión, con motivo da conmemoración dos 50 anos do nacemento do centro, o Hino interpretouse nunha versión para coro e banda de música, na que os alumnos e alumnas foron os encargados de pór voz ao texto de Arranz, acompañados pola Banda de Música de Burela.



Coa interpretación desta peza púxese punto e final a un acto moi emotivo con grande asistencia de público e no que estiveron presentes profesores e profesoras, alumnos e alumnas, pais e nais de alumnos, antigos mestres e mestras... e ao que a Banda de Burela non podía faltar.


Hino ao CEIP Virxe do Carme
Letra e música de Jesús Arranz

No medio dos Castros naceu unha “escuela”
que, andando no tempo a colexio chegou
deu pulo e alento a toda Burela
desde as súas aulas, cultura espallou

O VIRXE DO CARME É NOSO COLEXIO
O FARO QUE ALUMA NO MEDIO DO MAR
OFRECE UN ENSINO BO E DE CALIDADE
GLOBAL, SOLIDARIO, ABERTO E PLURAL

Burela medraba e o “cole” crecía
e máis edificios houbo que crear
xornais, profes, libros a Burela enchían
de sabiduría e ritmo vital

ADIANTE, ADIANTE CEIP VIRXE DO CARME
OLLANDO AO FUTURO IMOS TRABALLAR
NAS CIENCIAS, NAS LETRAS, EN TODAS AS ARTES
PARA QUE BURELA SIGA A PROGRESAR

A Comunidade do noso colexio
valores humanos pretende acadar
libre e tolerante quere dar resposta
aos retos dun mundo cambiante e plural

Repíntense os retrousos:
O VIRXE DO CARME...
ADIANTE, ADIANTE...