quarta-feira, 28 de agosto de 2013

O campamento musical organizado pola AABB finaliza este xoves en Ribadeo cun concerto.

Rapaces e rapazas das bandas de Guitiriz e Burela participan nun campamento musical na Devesa, Ribadeo. A Asociación de Amigas e Amigos da Banda de Burela (AABB) é a entidade organizadora deste campamento de cinco días de duración que comezou o domingo 25 e que rematará o próximo xoves, día 29.

É a segunda vez que a AABB organiza un campamento musical destas características, no que se traballan aspectos relacionados coa práctica bandística, a través da interpretación de distintas pezas do repertorio clásico, obras de concerto compostas orixinalmente para banda e pezas do repertorio galego para banda. Tamén hai tempo para o lecer, pois paralelamente ao traballo musical, organízanse actividades lúdicas, xogos, veladas musicais… 

A parte musical deste campamento está coordinada polo director da Banda de Burela, Roberto Bouça (vento madeira), o profesor Israel Arranz (percusión) e polo director da Banda de Guitiriz, Abel Riveira (vento metal). Cóntase tamén cos profesores de apoio Adrián Pereira (trompeta) e Bruno Valle (trombón), así como tamén con dous monitores encargados da realización de actividades lúdicas.

O campamento rematará o próximo xoves, día 29, cun concerto público que terá lugar ás 20:00 horas no Cantón ribadense (no Cine Teatro en caso de choiva). Con esta actuación porase o broche final a este curso lúdico-musical.

sexta-feira, 2 de agosto de 2013