quinta-feira, 20 de setembro de 2012

Lorient visita Burela



O próximo sábado 22 de setembro, terá lugar unha actuación conxunta a cargo da Banda de Gaitas Dambara e a Banda de Música de Burela. Ámbalas dúas agrupacións participaron o pasado mes de agosto no FIL (Festival Intercéltico de Lorient), en representación da delegación galega, xunto coa agrupación de música tradicional As Beiras do Ulla. 

O FIL é o festival intercéltico de maior relevancia a nivel internacional, no que participan agrupacións musicais de todas as nacións celtas: Escocia, Irlanda, Illa de Man, País de Gales, Cornualles, Bretaña, Asturies e Galiza.

A proposta musical que levamos a Lorient a Banda de Gaitas Dambara e a Banda de Música de Burela bebe de dúas fontes principais: por una lado da música tradicional de raíz e por outra banda do repertorio tradicional das bandas de música populares. As pezas están arranxadas para seren interpretadas por unha agrupación que inclúa unha sección ampla de gaitas, percusión tradicional e percusión de corte marcial e unha sección que cubra todas as cordas dunha banda de música. O resultado é unha música con claro sabor a tradición e cunha sonoridade e unha estética de banda marcial que se adapta moi ben a calquera tipo de desfile.

As dúas bandas burelás queremos mostrar aos veciños e veciñas de Burela o traballo realizado na Bretaña con esta actuación do próximo sábado que consistirá nun pasarrúas polas principais rúas de Burela a partir das 18:00 horas. Ás 19:00 horas presentarase un audiovisual sobre a nosa participación no Festival Intercéltico de Lorient no auditorio da Casa da Cultura de Burela. O acto pecharase cun concerto conxunto das dúas agrupacións.