domingo, 8 de maio de 2011

Concerto de homenaxe a J. Antonio Chao e estrea do pasodobre Burela na súa memoria.


A Banda de Música de Burela dará un concerto o próximo venres, 13 de maio, ás 21:30 horas no auditorio da casa da cultura de Burela.

Este concerto foi preparado con moito cariño e dedicación e será moi especial para a banda, pois estará dedicado a José Antonio Chao Basanta, compañeiro que nos deixaba para sempre o pasado ano. Esta será a nosa sentida homenaxe a un home exemplar, tanto polo humano da súa persoa como pola paixón e a responsabilidade coa que vivía a música e a banda.


Neste concerto, ademais, estrearemos o pasodobre que leva por título Burela, composto por Israel Arranz Carreño, percusionista e subdirector da Banda de Música de Burela. O pasodobre Burela está dedicado aos veciños e veciñas de Burela e composto na memoria de José Antonio Chao.

O programa do concerto completarase con obras do repertorio galego para banda, ao estar inserido nas actividades que se celebrarán estes días con motivo das letras galegas.

A Asociación de Amigas e Amigos da Banda de Burela e o director da banda, Roberto Bouça, queren convidar a todos os veciños e veciñas de Burela a este concerto tan especial.