quarta-feira, 22 de dezembro de 2010

Ensaios e concertos para o Nadal




Aquí tedes o calendario de ensaios e concertos para este Nadal. Comezamos coa actuación no Festival de Nadal da Escola de Música Municipal o 22 de decembro. O próximo día 30 faremos un concerto na residencia dos maiores de Burela ás 17:00 h. e rematamos co Concerto de Reis no auditorio da casa de cultura, o venres día 7 de xaneiro, ás 20:30 horas.

Felices Festas a todas e a todos e próspero ano 2011!

segunda-feira, 13 de dezembro de 2010

Asemblea xeral da AABB



A AABB (Asociación de Amigas e Amigos da Banda de Burela), convoca aos seus socios e socias a unha Asemblea Xeral o próximo sábado 18 de decembro, ás 12:30 en primeira convocatoria e 13:00 horas en segunda convocatoria, que terá lugar na aula de Banda da Escola de Música.


quinta-feira, 14 de outubro de 2010

A Banda de Música de Burela no programa Luar da TVG

Disponibilizamos o vídeo da actuación da Banda de Música de Burela o pasado venres 8 de outubro no programa Luar da TVG.

Esperamos que gostedes!


segunda-feira, 11 de outubro de 2010

Concerto da Banda nas San Lucas



O próximo domingo, 17 de outubro a Banda de Música de Burela actuará na festa das San Lucas en Mondoñedo. Faremos un pasarrúas ás 12:00 horas e un concerto na praza de Jaime Cabot ás 13:00 horas. No caso de que o tempo non acompañe o concerto realizarase no Auditorio Municipal.

Podedes descargar o programa completo das festas aquí.



sábado, 18 de setembro de 2010

Comeza o curso 2010-2011



O próximo luns, 20 de setembro comezan as clases do curso académico 2010-2011 na Escola de Música Municipal de Burela, e con el iníciase tamén o calendario habitual de ensaios da banda, mantendo os horarios do curso anterior: sábados pola mañá de 10:30 a 13:30 horas. Como sempre faranse ensaios seccionais en ocasións puntuais que serán indicados con antelación e tamén se programarán máis ensaios en distintos momentos, como por exemplo nas vacacións de Nadal para preparar o concerto de Ano Novo.

Adiantaranse calendarios de ensaios e actuacións coa suficiente antelación. As actuacións máis inmediatas serán:
  • Sábado, 25 de setembro: Cedeira. (Saída aproximada de Burela: 16:00 horas)
  • Venres, 8 de outubro: Programa Luar da TVG. (Saída aprox.: 16:00 horas)

Moito ánimo a todas e todos para este novo curso!


segunda-feira, 26 de julho de 2010

Concerto da Banda do Norte en Ortigueira



O próximo mércores 28, a Banda do Norte dará un novo concerto, que desta volta terá lugar en Ortigueira, na praza de Isabel II ás 19:00 horas.

terça-feira, 13 de julho de 2010

Actuación en San Cibrao



Este xoves, actuaremos en San Cibrao nas Festas do Carme. Faremos pasarrúas e procesión. A saída é ás 18:00 horas da Escola de Música.

segunda-feira, 5 de julho de 2010

Próximos ensaios


Foto: Banda do Norte en Guitiriz. Andrade

O próximo mércores e xoves teremos ensaio xeral de 10:30 a 13:30 horas. Fica suspendido o ensaio que estaba programado para o venres.

O xoves da próxima semana teremos actuación nas Festas do Carme de San Cibrao. Confirmarase o horario de saída.




quinta-feira, 24 de junho de 2010

A Banda do Norte en Guitiriz



O próximo sábado, 26 de xuño, a Banda do Norte dará un novo concerto, desta vez en Guitiriz, na Praza do Campo da Feira, ás 19:00 horas. A saída de Burela para Guitiriz será ás 16:00 horas da Escola de Música. Iremos vestidos co traxe da banda, con garabata e sen chaleco.


quinta-feira, 10 de junho de 2010

Calendario de actuacións para o verán






Estas son as actuacións e os ensaios para os próximos meses. Iranse adiantando os horarios para os distintos desprazamentos indicados. Eventualmente, poderá programarse algún ensaio seccional ou xeral a maiores. Se non se indica o contrario, os ensaios marcados serán xerais en horario de 10:30 a 13:30 horas.

Podedes descargar aquí o calendario por meses:



quarta-feira, 2 de junho de 2010

Festas de Burela 2010




O próximo sábado, 5 de xuño, varias bandas de música participarán nas actividades programadas con motivo das festas populares deste ano.

Para comezar, ás 18:00 horas terá lugar na praza do Concello, un concerto a cargo da Banda do Norte, formación musical integrada por bandas do norte galego, entre as que se encontran as bandas de Cedeira, Ortigueira, Guitiriz, Guntín e Burela. O repertorio estará formado por pezas de distintos estilos que van desde obras de tipo sinfónico a arranxos de bandas sonoras e músicas modernas, pasando por pezas tradicionais como pasodebres, xotas e muiñeiras.

Xa ás 21:30 horas, a Banda de Música Municipal de Burela participará na procesión de baixada da Imaxe ao Porto, organizada pola SCR Ledicia.

Programa completo das festas de Burela aquí.

sexta-feira, 7 de maio de 2010

Festa da Marosa 2010



Despois da grata experiencia do pasado ano, a Banda de Música de Burela estará de novo na Festa da Marosa na súa 12+2 edición.

O próximo sábado, 15 de maio, ás 13:00 h. na praia da Marosa, interpretaremos a Marcha da Marosa xunto con outros músicos e músicas da vila, composta especialmente para esta festa polo gaiteiro Edelmiro Fernández. A partir das 13:30 h. daremos un concerto na explanada do porto para amenizar a sesión vermú, que parace que ano tras ano se vai afianzando nesta Festa da Marosa. A continuación, todos e todas poderemos disfrutar do xantar a base de cocido que prepará o persoal da Asociación Palestina.

Agardámosvos!



quinta-feira, 18 de março de 2010

O próximo sábado imos a Silleda



O próximo sábado non teremos ensaio da banda, pois estaremos en Silleda facendo un pouco de jazz con rapaces e rapazas da Banda de Música de Silleda e de Estudio Escola de Compostela. O concerto estará dirixido por José Nine, profesor de saxo, frauta e combo en Estudio Escola e director da Orquestra Xuvenil neste centro de ensino.

O sábado 27 de marzo, non teremos ensaio en Burela. Só haberá ensaio en Guntín (11:00 horas) para aqueles e aquelas que vaian tocar na Semana Santa con esta banda de música.

Retomaremos os ensaios despois das vacacións, o sábado 10 de abril.

sexta-feira, 26 de fevereiro de 2010

Suspendido o ensaio do sábado



O ensaio de mañá sábado fica suspendido, por causa do temporal de auga e vento previsto. (Consultar adverso meteorolóxico aquí). A Escola de Música Municipal permanecerá pechada durante todo o día. O próximo sábado, 6 de marzo, teremos ensaio xeral de 10:30 a 13:30 horas.

Aquelas e aqueles que vaian tocar na semana santa, que pasen hoxe pola escola para coller as partituras.

quinta-feira, 18 de fevereiro de 2010

Próximos ensaios



O próximo sábado, haberá ensaio seccional de trompetas e bombardinos, de 10:30 a 13:00 horas. Aqueles e aquelas que queiran, poderán vir estudar á escola.

O sábado, 27 de febreiro, teremos ensaio xeral de 10.30 a 13:30 horas.

Ide estudando os papeis novos na casa.

Burela con Haití en imaxes

A Banda de Música de Burela, participou entre outras moitas agrupacións musicais da vila, no concerto solidario organizado polo Concello de Burela Tod@s con Haití, que tivo lugar o pasado 30 de xaneiro na Casa da Cultura. Queremos mostrar a nosa satisfacción polo espíritu solidário e participativo que caracterizou a resposta dada por tantos e tantas afeccionad@s à música , dando mostra por outra parte, da pluralidade de estilos musicais que conviven en Burela.


Cantareiras A Arracada da SCR Ledicia


Banda de gaitas e tambores Dambara


Coral Polifónica de Burela


Batuko Tabanka


Banda de Música de Burela


Burela Blues Band

* Todas as fotos de Carlos Andrade.



terça-feira, 26 de janeiro de 2010

A Banda no Concerto Benéfico por Haití



A Banda de Música de Burela participará no Concerto Benéfico que terá lugar o próximo sábado, 30 de xaneiro, ás 20:30 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Burela. No acto estarán presentes distintas agrupacións da vila, como a Coral Polifónica, Ledicia, Batuko Tabanka, Dambara, a Burela Blues Band e a Banda de Música.

O diñeiro recaudado destinarase integramente para a axuda humanitaria ao pobo haitiano.

Non faltedes á cita, paga a pena!

quinta-feira, 7 de janeiro de 2010

Concerto da Banda



A Banda de Música de Burela dará o seu tradicional concerto de Ano Novo-Reis o próximo venres, 8 de xaneiro, ás 20:30 horas no auditorio da Casa da Cultura de Burela.

Serán interpretadas obras orixinais para banda, tanto obras de concerto como pasodobres e xotas do repertorio galego. Tamén soará un arranxo de pezas tradicionais vascas na versión do grupo de folk Oskorri.

Estades tod@s convidados!

Para @s que queiran ir ensaiando a letra:

Furra furra fandangoa,
hortxe duzu fandangoa
geure gustukoa.

Furra furra fandango,
este é o fandango
do que gostamos.