sábado, 28 de maio de 2016

Triste nova para a música en Burela.


Despois de 26 anos de vida, a Banda de Música de Burela despídese dos veciños e veciñas e de todas as amizades que foi facendo ao longo destes anos de actividade. Sen dúbida, unha triste nova para Burela e para a música.

Moito ao noso pesar, desde a AABB pouco ou nada puidemos facer para remedialo. Pola nosa parte fixemos todo o que estaba nas nosas mans durante moito tempo, mais despois de varios anos de prolongada agonía, chegou o momento de despedirnos deste fermoso proxecto que nos deu tantas alegrías e satisfaccións. 

Temos que dar as grazas a cada un e cada unha das integrantes que lle deron vida á Banda de Burela e a todas as persoas que dun xeito ou doutro apoiaron a nosa banda. Grazas de corazón!

terça-feira, 5 de agosto de 2014

Venres 8. Concerto de clausura do III Campamento Musical "Ao Son da Banda"





III Campamento Musical “Ao Son da Banda”. Mondoñedo, do 4 ao 8 de agosto.

O pasado luns deu comezo en Mondoñedo o III Campus Musical “Ao Son da Banda”, organizado pola AABB (Asociación de Amigas e Amigas da Banda de Burela).

Uns 40 nenos e nenas desde os 10 aos 20 anos de idade, asistirán durante os cinco días de duración deste campus a clases de instrumento, música de cámara e banda, da man de profesores das distintas especialidades instrumentais: Manuel Montero (clarinete), Roberto Bouça (saxofón), Abel Riveira (trompeta), David Trastoy (bombardino), Isabel Diego Calviño (percusión) e Sara Maganizi (dirección musical).

O campus desenvólvese no Seminario de Mondoñedo, con saídas e visitas organizadas pola vila e o seu entorno próximo (piscina, río, zona vella...), reservando unha parte do día para o lecer, con distintas actividades lúdicas coordinas pola monitora de tempo libre Laura Seijas.

A AABB organiza por terceiro ano este campus de formación e lecer como unha forma de contribuír a dinamizar a Banda de Burela e ofrecer unha alternartiva de lecer a todas as persoas que integran a agrupación e estudantes de música en xeral, favorecendo que o contacto con outro profesorado e con novos compañeiros e compañeiras.

O venres terá lugar un concerto de clausura coa estrea mundial dunha obra italiana para banda, baixo a dirección da mestra Sara Maganzini.


O Campus “Ao Son da Banda” rematará este venres, 8 de agosto, cun concerto de clausura, que terá lugar no Auditorio Municipal de Mondoñedo, ás 20:30 horas. A Banda de Música, baixo a dirección da italiana Sara Maganzini, interpretará repertorio orixinal para banda de distintos compositores itialianos de actualidade (Daniele Carnevali, Ennio Salvere, Michele Netti, Michele Mangani…), adaptacións para banda de obras do repertorio operístico (Nessum Dorma de G. Puccini) e a estrea mundial da obra Music is Fun de Antonio Rossi.

sexta-feira, 20 de dezembro de 2013

quarta-feira, 28 de agosto de 2013

O campamento musical organizado pola AABB finaliza este xoves en Ribadeo cun concerto.

Rapaces e rapazas das bandas de Guitiriz e Burela participan nun campamento musical na Devesa, Ribadeo. A Asociación de Amigas e Amigos da Banda de Burela (AABB) é a entidade organizadora deste campamento de cinco días de duración que comezou o domingo 25 e que rematará o próximo xoves, día 29.

É a segunda vez que a AABB organiza un campamento musical destas características, no que se traballan aspectos relacionados coa práctica bandística, a través da interpretación de distintas pezas do repertorio clásico, obras de concerto compostas orixinalmente para banda e pezas do repertorio galego para banda. Tamén hai tempo para o lecer, pois paralelamente ao traballo musical, organízanse actividades lúdicas, xogos, veladas musicais… 

A parte musical deste campamento está coordinada polo director da Banda de Burela, Roberto Bouça (vento madeira), o profesor Israel Arranz (percusión) e polo director da Banda de Guitiriz, Abel Riveira (vento metal). Cóntase tamén cos profesores de apoio Adrián Pereira (trompeta) e Bruno Valle (trombón), así como tamén con dous monitores encargados da realización de actividades lúdicas.

O campamento rematará o próximo xoves, día 29, cun concerto público que terá lugar ás 20:00 horas no Cantón ribadense (no Cine Teatro en caso de choiva). Con esta actuación porase o broche final a este curso lúdico-musical.

sexta-feira, 2 de agosto de 2013

quarta-feira, 29 de maio de 2013

50 aniversario do CEIP Virxe do Carme en imaxes

Fotografías do acto conmemorativo polo 50 aniversario do CEIP Virxe do Carme, popularmente coñecido como "Colexio dos Castros", que tivo lugar o pasado día 10 de maio. Todas as fotografías son de Carlos Andrade.


sábado, 11 de maio de 2013

A Banda de Burela no 50 aniversario do CEIP Virxe do Carme



A Banda de Burela actuou no acto que tivo lugar este venres no Auditorio Municipal con motivo do 50 Aniversario do CEIP Virxe do Carme, popularmente coñecido como Os Castros. Profesores e profesoras representaron unha obra teatral ambientada nun colexio dos anos 70, na que tamén participou o propio director do centro e que foi moi aplaudida polo público asistente. 


O acto tamén contou cun apartado musical a cargo da agrupación de música clásica Arranz Trío e do cuarteto de jazz Marosa Jazz Project. A Banda de Burela foi a encargada de pór o broche final coa interpretación de pezas do seu repertorio e do Hino ao CEIP Virxe do Carme, composto polo mestre de música do colexio, Jesús Arranz. Aínda que a peza xa fora estreada en 2009 no propio centro para celebrar o día das Letras Galegas, nesta ocasión, con motivo da conmemoración dos 50 anos do nacemento do centro, o Hino interpretouse nunha versión para coro e banda de música, na que os alumnos e alumnas foron os encargados de pór voz ao texto de Arranz, acompañados pola Banda de Música de Burela.



Coa interpretación desta peza púxese punto e final a un acto moi emotivo con grande asistencia de público e no que estiveron presentes profesores e profesoras, alumnos e alumnas, pais e nais de alumnos, antigos mestres e mestras... e ao que a Banda de Burela non podía faltar.


Hino ao CEIP Virxe do Carme
Letra e música de Jesús Arranz

No medio dos Castros naceu unha “escuela”
que, andando no tempo a colexio chegou
deu pulo e alento a toda Burela
desde as súas aulas, cultura espallou

O VIRXE DO CARME É NOSO COLEXIO
O FARO QUE ALUMA NO MEDIO DO MAR
OFRECE UN ENSINO BO E DE CALIDADE
GLOBAL, SOLIDARIO, ABERTO E PLURAL

Burela medraba e o “cole” crecía
e máis edificios houbo que crear
xornais, profes, libros a Burela enchían
de sabiduría e ritmo vital

ADIANTE, ADIANTE CEIP VIRXE DO CARME
OLLANDO AO FUTURO IMOS TRABALLAR
NAS CIENCIAS, NAS LETRAS, EN TODAS AS ARTES
PARA QUE BURELA SIGA A PROGRESAR

A Comunidade do noso colexio
valores humanos pretende acadar
libre e tolerante quere dar resposta
aos retos dun mundo cambiante e plural

Repíntense os retrousos:
O VIRXE DO CARME...
ADIANTE, ADIANTE...