quinta-feira, 5 de janeiro de 2012

Concerto de Reis 2012


A Banda de música de Burela, que onte participaba na cabalgata de Reis de Burela, xa se prepara para a súa próxima actuación. A Asociación de Amigas e Amigos da Banda de Burela organiza para o próximo sábado, 7 de xaneiro, ás 20:30 horas, no auditorio da Casa da Cultura, un concerto da Banda de Música de Burela. Neste concerto, que xa é tradición por estas datas e que este ano leva por nome "Concerto de Reis", a banda interpretará pezas de concerto do repertorio para banda, pasodobres galegos, bandas sonoras, así como arranxos de obras clásicas e temas modernos para banda.

Desde a Banda de Burela queremos convidar á veciñanza de Burela a este concerto tan especial para nós e que é a nosa tradicional forma de dar a entrada ao ano novo, no que ademais terá lugar a estrea oficial de novos músicos que se incorporaron recentemente á banda.

A entrada, de balde.

sexta-feira, 23 de dezembro de 2011

Ensaios para o concerto de Reis

Voltamos publicar o calendario de ensaios para o Concerto de Reis. Como podedes ver faremos dous ensaios a maiores dos que estaban marcados. Ademais, está previsto que participemos na cabalgata de Reis en Burela, o xoves día 5 de xaneiro. Lembrarvos tamén que o ensaio do día 7 será no auditorio. Como sabades tamén podedes consultar os días de ensaio no calendario google da Banda que tedes nun post anterior, neste mesmo blogue.


quinta-feira, 1 de dezembro de 2011

Jazz Suite Nº2. Valse 2


O Segundo Valse da Suite de Jazz Nº2 de Dimitri Shostakovitch, será outra das pezas que prepararemos para o concerto de Reis que terá lugar o sábado 7 de xaneiro. Déixovos un vídeo desta coñecida peza, que o compositor ruso compuxo despois de 1956 e que forma parte dunha obra en 8 movementos chamada Suite for Variety Orchestra e que durante moito tempo foi confundida coa Suite de Jazz Nº 2 do mesmo compositor. Entre outras cousas, esta composición destaca pola súa instrumentación, que inclúe entre outros instrumentos 2 saxos altos, 2 tenores, vibráfono, guitarra, harpa, celesta, 2 pianos, acordeón, etc.

Nós tocaremos un arranxo deste Segundo Valse para banda do compositor belga André Waignein.

Lémbrovos que este sábado o ensaio será da maneira que segue:
  • 10:45-12:00 horas. Seccional trompetas
  • 12:15-14:00 horas. Ensaio xeral
Ensaiaremos Nun mercado Persa e Miña terra Galega, e entregaranse as partituras do Valse de Shostakovitch.


sexta-feira, 25 de novembro de 2011

Nun Mercado Persa

Tal como se indicou no calendario de ensaios publicado a pasada semana, este sábado faremos ensaios parciais do seguinte xeito:
  • Clarinetes: 10:45-12:00 horas
  • Saxofóns: 12:15-13:30 horas
Mentres tanto, déixovos un pouco de música para ir amenizando o estudo do repertorio. Trátase da peza Nun Mercado Persa, de Albert W. Ketèlbey. Paga a pena escoitala e visualizar a partitura.




terça-feira, 23 de agosto de 2011

Estamos de campamento!



Onte daba comezo no camping da Devesa, o campamento musical "Ao son da banda" organizado pola Asociación de Amigas e Amigos da Banda de Burela e que se prolongará ata o próximo sábado. Neste campamento musical participan nenos e nenas das bandas de música de Burela e Guitiriz e ten unha finalidade lúdica e didáctica. Por unha parte trátase dun curso intensivo de música no que se traballa repertorio de banda principalmente, así como distintos aspectos relacionados con esta formación, e por outra parte é un campamento con carácter lúdico e de lecer, no que os rapaces e rapazas poden realizar distintas actividades programadas polos monitores.

Na tarde do luns houbo un obradoiro de música pop, impartido polo músico de Burela Manolo Maseda, membro de grupos como Os Diplomáticos ou Serra-lhe aí. Maseda é profesor de música no Bacharelato de Artes e fixo unha interesante achega á música pop desde un punto de vista práctico, facendo partícipes aos nenos e nenas da elaboración de estruturas harmónica simples partindo dalgunhas das pezas máis coñecidas da música pop.

No curso imparten clase tres profesores que se encargan das distintas seccións instrumentais. Roberto Bouça: vento madeira; Abel Riveira: vento metal e Israel Arranz: percusión.

O sábado 27 finalizará este campamento con un concerto que terá lugar no propio camping da Devesa ás 12:00 horas.




quarta-feira, 17 de agosto de 2011

Campamento musical "Ao son da banda". A Devesa, do 22 ao 27 de Agosto

A próxima semana terá lugar o campamento musical da Banda de Música de Burela no camping da Devesa. Iremos en coches particulares e saíremos todos e todas da Escola de Música ás 10:30 horas. A duración do campamento será desde o luns 22 ao sábado 27 e realizaremos ensaios de banda polas mañás e actividades lúdicas polas tardes. Podedes consultar o horario en PDF.

Estes venres, día 19 faremos unha reunión informativa na Escola de Música ás 12:00 horas para concretar detalles e aclarar dúbidas, aínda que xa vos adiantamos o material que ides precisar:

MATERIAL PERSOAL:
  • Roupa cómoda (chandal, pantalóns de deporte, camisetas, sudadeira, tenis, gorra, mudas, pixama)
  • Saco de durmir
  • Baño: bañador, toalla de praia e protección solar.
  • Aseo: cepillo dentes, pasta dentífrica, xel baño, champú, toalla, chanclas
MATERIAL DE TRABALLO:
  • Instrumento
  • Papel pautado
  • Lápis e goma
DOCUMENTACIÓN:
  • Documento Identidade
  • Tarxeta sanitaria