sexta-feira, 4 de maio de 2012

Concerto das Letras Galegas 2012


A Banda de Música de Burela ofrecerá un concerto o próximo sábado, día 5, ás 20:30 horas no auditorio municipal, con motivo da celebración das Letras Galegas, que este ano se dedican a Valentín Paz Andrade. O repertorio escollido para este concerto está integrado por algunhas das composicións galegas para banda máis populares, entre as que se encontran clásicos como o pasodobre galego Lugo-Ferrol ou o pasodobre-xota Martiñika, rapsodias sobre motivos galegos como Airiños Aires ou A noite do Santo Cristo, así como unha selección da zarzuela galega Non chores, Sabeliña! Tamén interpretaremos  a Balada Galega (Negra Sombra) de Montes e o pasodobre Burela, composición de Israel Arranz, que foi estreado o pasado ano pola Banda de Burela.

Abaixo podedes ver e descarregar o programa de man completo en formato de fácil leitura.

Agardamos contar coa vosa presenza!


quinta-feira, 12 de abril de 2012

A Banda nas Quendas o 29 de abril

 

O próximo domingo, 29 de abril, actuaremos na Feira das Quendas, en Mondoñedo. Faremos un pequeno pasarrúas e a continuación daremos un concerto na praza do Concello, ás 18:00 horas. Se o tempo non acompaña, o concerto terá lugar no auditorio municipal "Pascual Veiga".

Convidamos a todos os veciños e veciñas, así como a todos os visitantes que se achegen nese día a Mondoñedo, a este concerto da Banda de Música de Burela.

quinta-feira, 8 de março de 2012

Mozos de Penedo



Esta será unha das pezas que interpretaremos no Concerto das Letras Galegas. Mozos de Penedo é unha muiñeira de Manuel Novoa, arranxada para banda por José Oro Val, que é interpretada con moita frecuencia polas bandas galegas. Neste vídeo, podedes escoitar esta peza, interpretada pola Banda de Música Cultural de Salceda de Caselas, nun concerto que deron con motivo do seu 25 aniversario, en agosto de 2011.

quinta-feira, 1 de março de 2012

Próximos ensaios


Actualizamos o calendario de ensaios para os próximos meses, nos que prepararemos o Concerto que daremos con motivo das Letras Galegas. Aínda non temos unha data fixa, aínda que si que será no mes de maio, en torno ao día 17.

No calendario, podedes ver tamén o tipo de ensaios que faremos (seccionais ou xerais), así como os horarios dos mesmos. O 10 de marzo non teremos ensaio, pois haberá un curso de "técnica Alexander" na Escola de Música, organizado pola ASUEMBU. 

Este mesmo sábado continuaremos a traballar o repertorio do concerto. Abaixo tedes un vídeo no que podedes escoitar Lugo-Ferrol, unha das pezas clásicas do repertorio galego para banda, composición de Gregorio Baudot.


quinta-feira, 26 de janeiro de 2012

Preparando o próximo concerto

Despois do concerto de Reis que demos o pasado día 7, xa estamos a preparar as próximas actuacións da banda, que terán lugar no marco das Letras Galegas e das festas patronais de Burela. Desta volta, as pezas que interpretaremos serán fundamentalmete do repertorio galego, da autoría de compositores como Gustavo Freire, Gregorio Baudot, Hixinio Cambeses ou Pascual Veiga.

Para ir abrindo boca, deixámosvos un vídeo da obra Airiños Aires, do compositor lucense Gustavo Freire, interpretada pola Banda de Música Airiños do Morrazo.


quinta-feira, 12 de janeiro de 2012

A Banda na semana da mobilidade. Setembro 2011

Deixámosvos as fotos do pasarrúas que deu a Banda de Burela con motivo da semana europea da mobilidade o mes de setembro do pasado ano. As fotografías, como sempre, de Carlos Andrade.

sábado, 7 de janeiro de 2012

Concerto de Reis 2012. Programa de man.

Disponibilizamos, en formato de fácil lectura, o programa de man do Concerto de Reis da Banda de Música de Burela. Agardamos que sexa do voso interese.