quinta-feira, 14 de fevereiro de 2013

A charanga da Banda de Burela no Entroido


A Charanga "@s Verças-tolas", formada por rapaces e rapazas da Banda de Música de Burela participou nos Entroidos de Foz e Burela.

A Charanga da Banda, bautizada como "@s Verças-tolas", comezaba a súa pequena "xira" do Entroido o pasado venres nos institutos e colexios de Burela, onde foron recibidos con grande entusiasmo, especialmente polos máis cativos e cativas. @s Verças-tolas tamén estiveron na festa de Entroido da Escola Infantil de Burela, onde pecharon as actividades que desenvolveron as crianzas durante a mañá.

Por outra banda, a charanga participou no desfile de Entroido de Foz, o pasado sábado, acadando o segundo premio na modalidade pola que concursaba. Tamén estivo no desfile de Burela, o martes de Entroido, onde participou fóra de concurso e a modo de colaboración coa comisión organizadora. Esta actuación ven sumarse a outras que a Banda realiza en Burela ao longo do ano e que tentaremos consolidar en anos posteriores.

 
O traxe escollido pola charanga para este ano estivo inspirado na indumentaria característica dos países celtas, cuxo elemento máis representativo é o kilt (saia a cadros con pregues na parte traseira), popularmente coñecido como saia escocesa. Esta escolla veu motivada pola participación da Banda de Burela, xuntamente coa Banda de Gaitas Dambara no Festival Intercéltico de Lorient, na Bretaña, o pasado verán.

Para a maioría dos rapaces e rapazas, esta era a primeira vez que participaban nunha charanga, aínda que despois desta experiencia admiten que repetirán o próximo ano. Tocar nunha agrupación deste tipo supón dar un enfoque á música moi diferente ao que é habitual na Banda, pois é un cambio radical en canto a repertorio, os estilos e o xeito de interpretar as pezas. Desde un punto de vista pedagóxico acádanse resultados moi satisfactorios, pois os rapaces adquiren habilidades en canto ao traballo da memoria, o oído musical e a intuición. Por outra banda, tamén resulta unha actividade enormemente estimulante e motivadora, dado o seu carácter lúdico.


quarta-feira, 23 de janeiro de 2013

Ensaios Charanga



Estes son os ensaios que faremos nas próximas semanas para montar o repertorio da charanga da Banda. Comezaremos coas pezas que se repartiron o último día e o próximo sábado entregaranse outras novas.

Lembrade que o próximo sábado, 26 de xaneiro terá lugar a Asemblea Xeral da AABB, ás 19:30 horas.

Deixámosvos as fotos do Concerto de Reis do pasado día 6, no Auditorio Municipal de Burela. Fotografías de Carlos Andrade


sábado, 5 de janeiro de 2013

CONCERTO DE REIS. PROGRAMA DE CONCERTO


Deixámosvos o programa de man en formato de fácil leitura do concerto que daremos este domingo, 6 de xaneiro, ás 20:00 horas no Auditorio da Casa da Cultura de Burela.

No programa figuran obras de tipo sinfónico, pezas do repertorio galego para banda, arranxos de pezas clásica e un arranxo para banda do grupo vasco Oskorri.

Agardamos que sexa do voso agrado.


quinta-feira, 20 de dezembro de 2012

Actuacións no Nadal


A Banda de Música de Burela realizará dúas actuacións neste Nadal. A primeira delas terá lugar o próximo mércores, 26 de decembro, na Residencia dos Maiores de Burela, ás 17:00 horas. Nesta actuación a Banda de Burela interpretará pezas do repertorio popular: pasodres, xotas, boleros... Xa para finalizar as festas do Nadal e dar a entrada ao Ano Novo, a Banda dará o seu tradicional Concerto de Reis, que terá lugar o domingo, 6 de xaneiro, ás 20:00 horas no Auditorio Municipal de Burela. Neste concerto interpretaranse obras de tipo sinfónico compostas orixinalmente para banda, así como pezas do repertorio galego para banda e algunha outra sorpresa.

Aproveitamos para convidar a todos os veciños e veciñas de Burela a este concerto tan especial para nós e desexarlles un moi "Bo Nadal e próspero e musical 2013!"

sexta-feira, 30 de novembro de 2012

Preparando o próximo concerto

A Banda de Gaitas Dambara e a Banda de Burela no FIL o pasado mes de agosto.

Disponibilizamos as fotos da actuación da Banda de Burela na Feira do Mel en Ferreira do Valadouro e da actuación conxunta coa Banda de Gaitas Dambara na Feira das San Lucas de Mondoñedo. Ámbalas actuacións tiveron lugar o pasado mes de outubro e as fotografías foron realizadas polo noso amigo e colaborador Carlos Andrade.


Tras estas actuacións, a Banda de Burela está a preparar o seu próximo concerto, que terá lugar en xaneiro do próximo ano. Este é un concerto que realizamos anualmente por estas datas e que é o noso tradicional xeito de dar a benvida ao ano novo. Nesta ocasión interpretaremos pezas novas nas que xa estamos a traballar e tamén recuperaremos algunha das pezas que forman parte do noso repertorio e que foron interpretadas en concertos de anos anteriores.

Informaremos proximamente do día e lugar deste concerto, así como doutras actuacións que podan ser programadas.

quinta-feira, 20 de setembro de 2012

Lorient visita Burela



O próximo sábado 22 de setembro, terá lugar unha actuación conxunta a cargo da Banda de Gaitas Dambara e a Banda de Música de Burela. Ámbalas dúas agrupacións participaron o pasado mes de agosto no FIL (Festival Intercéltico de Lorient), en representación da delegación galega, xunto coa agrupación de música tradicional As Beiras do Ulla. 

O FIL é o festival intercéltico de maior relevancia a nivel internacional, no que participan agrupacións musicais de todas as nacións celtas: Escocia, Irlanda, Illa de Man, País de Gales, Cornualles, Bretaña, Asturies e Galiza.

A proposta musical que levamos a Lorient a Banda de Gaitas Dambara e a Banda de Música de Burela bebe de dúas fontes principais: por una lado da música tradicional de raíz e por outra banda do repertorio tradicional das bandas de música populares. As pezas están arranxadas para seren interpretadas por unha agrupación que inclúa unha sección ampla de gaitas, percusión tradicional e percusión de corte marcial e unha sección que cubra todas as cordas dunha banda de música. O resultado é unha música con claro sabor a tradición e cunha sonoridade e unha estética de banda marcial que se adapta moi ben a calquera tipo de desfile.

As dúas bandas burelás queremos mostrar aos veciños e veciñas de Burela o traballo realizado na Bretaña con esta actuación do próximo sábado que consistirá nun pasarrúas polas principais rúas de Burela a partir das 18:00 horas. Ás 19:00 horas presentarase un audiovisual sobre a nosa participación no Festival Intercéltico de Lorient no auditorio da Casa da Cultura de Burela. O acto pecharase cun concerto conxunto das dúas agrupacións.

terça-feira, 3 de julho de 2012

Calendario ensaios verán



Este é o calendario de ensaios para o mes de xullo, con fin de ultimar a actuación conxunta da Banda de Gaitas Dambara e a Banda de Música de Burela no Festival Intercéltico de Lorient. Se se considera preciso, poderán programarse máis ensaios dos que figuran neste calendario.